A Sé, a catedral de Braga, marca o inicio da peregrinación que nos leva a Compostela nun percorrido ao longo de 248 quilómetros. Tras vadear o río Cávado preto de Amares, o camiño ascende gradualmente ás abas do Gerês, aproveitando unha falla tectónica como paso natural para entrar a terras galegas por Portela do Homem. Paralelo ao río Caldo, zigue-zagueando no sopés das montañas do Xurés e tras cruzar o saltarín Corgo da Fecha, aborda a mansio romana de Aquis Ogeresibus, preto das fontes termais de Baños de Río Caldo. Prosegue polo trazado da Vía Nova ata Lobios, a través da Portela da María, e deixando atrás a capitalidade municipal, ascende a Ganceiros para cruzar o Limia na Ponte Pedriña, hoxe anegado polas augas do encoro das Conchas.

Faldeando A Serra de Motas e Viso chégase á xoia arquitectónica de Santa Comba de Bande, onde tras abandoar o trazado da Vía XVIII, internáse nunha espectacular congostra por unha vía romana secundaria que unía Quaquernia, Bande, con Auria, Ourense. Entre carballeiras e soutos centenarios cruza o río Cadós para ascender ao Alto do Vieiro e abordar, por idílicas canellas e carballeiras en terras de Verea, o treito final ata a monumental vila de Celanova.

É na fértil ribeira do Arnoia, onde o Camiño ofrece dúas variantes para chegar a Ourense: continuar polo trazado histórico, onde atravesa conxuntos tradicionais de singular beleza para acceder a San Cibrao das Viñas, divisando o Miño e entroncando coa Vía da Prata en Ourense; ou seguir o itinerario diseñado polo Ministerio dentro da Rede de Camiños Naturais que percorre os Concellos de Cartelle, Barbadás e Toén, nun itinerario que se alonxa do asfalto.