A consolidación da conquista romana e a necesidade de acurtar as comunicacións entre as capitais de Brácara Augusta e Astúrica Augusta motivou, no século I d. C., a construción da Vía Nova atravesando terras lusas, galegas e casteláns. O itinerario deseñado por Antonino, que co paso dos anos foise alterando e modificando para dar resposta ás necesidades contemporáneas, conserva na actualidade tramos perfectamente transitables e valiosos vestixios romanos que demostran a importancia desta vía dende tempos do Imperio. As pontes, mansións e pousadas construídas polos romanos fóronselle sumando cruceiros, petos de ánimas, capelas, templos e mosteiros que referendan o poder da Igrexa nun territorio marcado polo verde, a auga e a pedra.

Seguindo esta vía romana chegaron fuxindo das invasións musulmás do século VIII, os restos do varón apostólico San Torcuato á igrexa de Santa Comba de Bande. O corpo dun dos sete discípulos do Apóstolo Santiago, custodiouse e venerouse durante un cuarto de século na fermosa capela visigótica ata que que se ordenou o seu traslado ao Mosteiro de Celanova no s.X. As reliquias de San Rosendo e San Torcuato presiden na actualidade, en senllos relicarios de prata, o altar maior da igrexa conventual.

O propio bispo dumiense e fundador de Celanova, fixo en máis dunha ocasión este camiño nas súas viaxes ata Compostela, dado o seu título de bispo de Iria Flavia nunha época na que xa se coñecía a presenza dos restos do Apóstolo en Galicia.

O poder do cenobio fundado por San Rosendo foi tal que, no ano 1071, o Rei Fernando I doou ao propio Mosteiro de Celanova, un solar de casas xunto á Catedral de Santiago para que os monxes tivesen morada onde descansar. Doazón que no 1037 ampliou Dona Elvira, filla do antedito rei, engadindo varias casas e hortas na cidade de Santiago.

A presencia de peregrinos por estas terras faise evidente co pacto asinado o 15 de setembro de 1142 entre o abade de Celanova, naquel momento Pelaio, e o tenente da obediencia de San Paio de Veiga e representante dos Hospitalarios de Xerusalén, don Genaro, para construír e rexentar un hospital de peregrinos en Portela, no actual concello de Verea. Recentemente o historiador celanovés Javier Gándara facía pública a existencia dun documento, datado na Desamortización de Mendizábal, que fai referencia a un hospital de peregrinos na actual rúa Colón.

O culto a San Rosendo, conxuntamente con San Trocado en Santa Comba de Bande e Santo Tirso en Ourense, son o principais impulsores da dinamización xacobea deste itinerario. Diversas fontes documentais describen numerosas referencias ao camiño xacobeo dende o século XI, estando recollidos nos “Caminhos portugueses de peregrinaçao a Santiago de Compostela”, editado pola propia Xunta de Galicia no rexurdir das peregrinacións no ano 1993.

O feito de que a raíña Isabel II de Portugal peregrinase a San Salvador de Celanova e logo ata Compostela, valeulle o calificativo nalgunhas fontes orais de “Camiño da Rainha Santa”. Pero non foi a única monarca en facer noite no mosteiro celanovés; son varias as publicacións que chegan a documentar a presencia da raíña lusa Dona Felipa de Lancaster en Celanova.

Unha das fontes máis precisas sobre a vixencia deste itinerario ao longo dos séculos é o relato que publicou no ano 1728 o padre José Matos Ferreira. Baixo o título “Thesouro de Braga descuberto no Campo do Gerez” relata a camiñata que el mesmo realizou pola Vía Nova dende Braga ata Lugo.

No século XX o escritor luso Conde D‘Aurora escribiu “Camiño portugués para Santiago de Compostela” cunha exquisita descrición dos anais deste camiño, cuxo inicio sitúa máis ao sur, no municipio luso de Santo Tirso, onde naceu San Rosendo.

O trazado da Vía Nova, especialmente na cámara lusa de Terras de Bouro e no tramo ourensán, está perfectamente estudado e definido en diferentes publicacións, moitas das cales levan o selo do catedrático de Lucenza (Cualedro), Antonio Rodríguez Colmenero. A estela prosigue no medievo, e así o atestigua e documentou a profesora Elisa Ferreira Priege no libro “Los Caminos Medievales de Galicia”, editado no 1988 no anexo 9 do Boletín Auriense do Museo Arqueolóxico Provincial. Ferreira Priege documentou a vereda principal que, entre Celanova e Ourense e seguindo o trazado dunha vía romana secundaria, chega ata Solveira en A Merca, para continuar en dirección a Soutopenedo e San Cibrao das Viñas.