O camiño parte de Lobios para internase na Costa Pereira e descender ata a ponte que vadea o río Macaco. Pasando á beira do cruceiro da Portaxe chega ao río Salas, onde baixo as súas augas agóchase unha espectacular ponte medieval visible nas estiaxes. A partir do Salas, comeza un suave ascenso ata Parada de Ventosa, atravesando a tradicional aldea de Ganceiros e bordeando polo ponente os montes do Trabazo, o Chamadoiro e o Coto dos Ladrós. Deixando atrás Parada de Ventosa, no Concello de Muíños, cruza o Limia na presa das Conchas, lugar onde se atopa asolagada a Ponte Pedriña, obra de fábrica romana para servizo da mencionada Vía Nova.
Dende a presa das Conchas en Lobeira, o camiño prosegue a través das aldeas de Tedós, Ermille, Os Chaus e Fradalvite, faldeando a Serra de Motas e Viso.
A partir dos Chaus, o camiño deixa a Vía Nova, internándose nunha espectacular congostra para continuar por unha vía romana secundaria que unía a Quarquernia (Bande) con Ourense. Xa nas Terras de Bande, chega ao templo galaico-visigótico de Santa Comba, pequena xoia arquitectónica do século VII, é testemuña dos pasos dos peregrinos que se dirixen cara Compostela, pasando polas aldeas de Quintela, Lobosandaus e ascender ata o cruceiro de Vilela, baixo o dominio do castro da Croa.
Bordeando o monte de Pena Maior, coroado cun castriño, accédese entre carballeiras e soutos centenarios ás aldeas de Souto, Pazos e Rubiás, para posteriormente cruzar o río Cadós, ao pé dun peto de ánimas porticado na ponte que leva o nome do río, ascender ata Recarei e, dende alí, baixar ata Bande.