O Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa encádrase nos vales dos ríos Cávado, Limia, Arnoia e Miño. Un territorio luso-galaico que atesoura valiosos restos patrimoniais, que van dende a Idade de Xeo ata actualidade, seguindo a calzada romana Vía Nova, Geira para os portugueses. Tralo descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago, o itinerario que vertebra os concellos da Baixa Limia e as Terras de Celanova ata Ourense, consolidouse como unha vía de peregrinación a Compostela para os veciños da bisbarra e do norte de Portugal.
O roteiro atravesa fermosos cursos de auga, carballeiras e soutos centenarios, bosques de acivros, viñedos e pradreríos en socalcos que forman parte das paisaxes tradicionais, típicas dunha agricultura de montaña. O seu transcurso privilexiado a media ladeira, outórgalle o papel de balcón que permite disfrutar de espectaculares vistas dos vales e montañas galaico-portuguesas.
A canella da congostra, o camiño vello, o dos arrieiros, o dos mortos, a verea, o vieiro,… son nomes comúns recollidos na nomenclatura do trazado da Vía Nova dende Braga a Santa Comba, e dende esta ata Auria, actual Ourense. Un percorrido de grande beleza natural atravesando a ilustre vila de Celanova, terra de poetas que no século X fundara o bispo de Mondoñedo e Dume, Rudesindus Gutiérrez.
Nun cruce de camiños, preto da capital dos Coelerni, o que fora virrei de Galicia deseñou un dous máis importantes monacatos, cun poder que se estendeu máis aló das actuais fronteiras de Galicia, e cuxa vida e milagres, motivaron a peregrinación de milleiros de devotos ao longo da historia.