A vila fundada por San Rosendo, berce de escritores referentes das letras galegas coma Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín, atesoura vestixios e monumentos da talla da capela mozárabe de San Miguel, o mosteiro de San Salvador ou a casa museo da Fundación Curros Enríquez.

Deixando atrás o casco urbán, e seguindo o camiño natural que se describe nesta etapa, chégase ao burgo medieval de Vilanova dos Infantes, dominado pola torre de homenaxe e baixo a atenta mirada da tribu dos Coelerni ubicados en Castromao. Prosegue descendendo entre as aldeas de Carfaxiño e Viveiro, ata o refuxio de Ponte Grande. Un pouco máis abaixo, atravesa o río Arnoia para intérnase no territorio de Cartelle e, pasando por Ulfe, chegar ata ao santuario relixoso das Marabillas, de gran culto popular.

A partir deste punto, o camiño entra no seu último tramo antes da chegada á histórica cidade de Ourense, desenvolvéndose por dominios do Concello da Merca, bordeando A Manchica, e atravesando a aldea de Parderrubias, esta cun interesante núcleo tradicional.

Vellos camiños e veredas permitirán atravesar o Concello de Barbadás, cunha pequena incursión en Toén, cuxo castro presidirá boa parte do noso andar. Na cidade de Ourense, o Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa entroncarán coa Vía da Prata para aqueles peregrinos que queiran continuar ata Santiago.

Existe, nesta derradeira etapa do Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, unha variante que, dende a ilustre e monacal Celanova, cruza o río Ourille e atravesa as terras da Merca e San Cibrao das Viñas. Un trazado medieval sustituiu a calzada romana que ía ata a capital ourensá e que será obxecto de estudo e promoción por parte desta asociación.

Powered by Wikiloc

Distancia: 29,58 quilómetros
Altitude máx/mín: 544/126 metros
Dificultade técnica: Moderada